Rutas de Senderismo2021-01-20T00:50:30+00:00

RUTAS DE SENDERISMO

En Castro Caldelas contamos con dúas rutas de Pequeno Percorrido de Galicia (PR- G) en proceso de homologación pola Federación Galega de Montañismo (FGM). Ambas son circulares, con principio e fin no núcleo urbano da vila, e compleméntanse para achegar ao senderista ao riquísimo patrimonio cultural, natural e etnográfico da nosa terra. E todo isto sen esquecer a gastronomía que nos ofrece unha das vilas máis bonitas de España.

PR-G 213: Sendeiro dos Bosques Máxicos de Castro Caldelas

Un traxecto de algo máis de 20 km, dividido en dous bucles de 5 e 15 km, que percorre lugares de gran importancia histórica como o Mosteiro de San Paio de Abeleda e o seu couto ou a antiga Igrexa de Camba, e tamén natural como o Souto de Poboeiros ou o sendeiro fluvial do río Edo.

Podes realizar a ruta completa, ou elixir só un dos dous bucles. En ambos os casos o percorrido discorre case por completo baixo as árbores dos bosques máxicos que rodean Castro Caldelas.

Información e track GPS do PR-G 213

PR-G 237: Sendeiro do Miradoiro de Matacás

Esta ruta de 19 km é máis esixente que a anterior, pero ofrece a gran recompensa dunhas vistas espectaculares sobre o Val de Abeleda, onde se expandía o couto sobre o que exercía o seu poder o Mosteiro de San Paio, o Canón do Sil no Miradoiro de As Penas de Matacás, e a propia vila de Castro Caldelas e o seu castelo, que se alza vixiante sobre os bosques nun outeiro escapado da Serra do Burgo.

Os desniveis que endurecen a ruta, e que son un constante en toda a Ribeira Sacra, condicionaron en gran medida a vida nestas terras. Froito diso son os viñedos en terrazas polos que se interna o percorrido, e nos que poderemos comprobar por que este traballo de obtención do viño (dunha grandísima calidade, por certo) mereceu o recoñecemento de viticultura heroica.

Información e track GPS do PR-G 237

Roteiros de Matacás

Para gozar das vistas do Canón do Sil desde As Penas de Matacás e coñecer a súa fermosa contorna, existen dous roteiros que parten do propio aparcadoiro do miradoiro.

Podes descargarte o track neste enlace:

Track GPS dos Roteiros de Matacás

Ruta das Fervenzas do río Edo

Esta pequena ruta lévate a percorrer o bosque que crece no angosto val do Edo, aos pés de Castro Caldelas. Nela atoparás as fermosas fervenzas que saltan e xogan entre as pedras deste tramo do río.

Podes descargarte o track neste enlace:

Track GPS da Ruta das Fervenzas do río Edo