É unha gran construción de 400 m cadrados, cuxa planta en L remátase cun patio amurallado. Ao longo do tempo foi ocupada polo cura destinado á parroquia de Poboeiros, ata o seu abandono a mediados do século XX. A pesar do seu estado ruinoso actual, a primeira vista pode apreciarse a magnitude da súa construción, símbolo do antigo poderío da igrexa no rural galego, sobre a que destaca unha gran cheminea trapezoidal.
Está situada xunto á igrexa de San Xoan de Poboeiros, sinxelo templo do século XVIII con portada de medio punto e campanario con cornixas. Na súa fachada pode lerse a inscrición "ESTA ES IGLESIA DE REFUGIO SAGRADO", polo cal determinados fuxidos da xustiza podían acollerse a sagrado nela para evitar o seu apresamento. O refuxio sagrado foi un privilexio instaurado polo papa Bonifacio V a principios do século VII, pero a gran cantidade de templos repartidos por toda a xeografía na Idade Media propiciou que criminais e desaprensivos abusasen del. Por elo, os monarcas tiveron especial empeño en recortalo ao longo dos séculos, para ser definitivamente derrogado coa Constitución de 1978.