No lugar de Ruxil, parroquia de Santa Tegra de Abeleda, álzase a igrexa do mesmo nome. De orixe románico, a súa construción inicial pode remontarse ao século XII, aínda que sufriu moitas reformas posteriores. Pertenceu á xurisdición do Mosteiro de San Paio de Abeleda.
Na súa portada destaca a arquivolta, formada por varios arcos de medio punto, e as dovelas, cunha lixeira moldura no arco interior e decoradas as exteriores con fermosos (aínda que xa desgastados) motivos florais.
No seu interior conservase unha fermosa pila bautismal románica policromada. Tamén salienta o retablo maior, de madeira e estilo barroco, que data do século XVIII. Ademais, posúe unha cruz procesional do século XVII.
No próximo lugar de O Sabugueiro, tamén pertencente á parroquia de Santa Tegra de Abeleda, levantábase a Capela da Virxe da Luz, hoxe xa desaparecida. Antes do seu derrube, os veciños trasladaron á igrexa de Santa Tegra o seu retablo de madeira policromada. Tamén se custodia aquí a imaxe articulada da Virxe da Luz, en cuxa honra se celebra o primeiro domingo despois do 5 de agosto unha fermosa romaría: a Festa da Luz.
A Festa da Luz é unha procesión chea de colorido, na que se saca á virxe mentres oito danzantes, seguidos dunha parella de xigantes (Coco e Coca), bailan unha danza tradicional ao son das gaitas. Trátase dun festexo de orixe ancestral, ao que acudían incluso veciños doutras partes da Ribeira Sacra, e que prohibiuse na posguerra por ter "alegría excesiva" para unha celebración relixiosa. Os traxes dos danzantes foron queimados, e As Cocas mandáronse destruír. Nos anos 80 o pobo recuperou a festa e, seguindo a lembranza dos maiores e antigas fotografías, volvéronse elaborar os traxes e xigantes para novas celebracións.
Mostra do agarimo dos veciños de Santa Tecla pola súa festa mais representativa é o moderno cruceiro de Ruxil, erguido en conmemoración da antiga capela da Virxe da Luz, e que está decorado con azulexos nos que se representan as Cocas, os danzantes e a propia virxe á saída da igrexa de Santa Tegra en procesión.