Trátase dun vello lugar de culto, pois tense constancia da súa existencia desde o ano 963, no que foi doado á diocese de Astorga polo bispo de Ourense Diego I. Foi abadía e Real Mosteiro dúplice (para homes e mulleres) ata finais do século XIII, cando comezou a súa decadencia.
Hoxe en día só queda en pe a igrexa, con moitas remodelacións sobre a orixinal, pero ao sur desta hai restos dos antigos edificios monásticos. Testemuñas deste longo pasado son uns sartegos, achados nunha sancristía subterránea baixo o gran edificio da reitoral, que datan da Alta Idade Media. No seu interior atopáronse moedas do emperador romano Constantiño o Grande, do século IV da nosa era.
Da igrexa deste antigo mosteiro (séculos X e XI) conservase unha xanela xeminada (con dous pequenos arcos en ferradura), e dous interesantísimos releves. Un deles representa a Epifanía, coa Virxe sentada na cátedra e o neno Xesús no colo; diante deles, os tres Reis Magos ofrécenlles os seus agasallos. O outro provoca certa controversia, pois non parece claro se mostra a Flaxelación ou a Resurrección. As tres pezas atópanse depositadas no Museo Arqueolóxico de Ourense.
A igrexa actual, xa en desuso, data da Idade Moderna (séculos XVI - XVIII). Dunha nave e capela maior cuadrangular, é de estilo barroco e boa canteiría. Encostada á fachada, na faciana norte, érguese unha poderosa torre de dous corpos construída en 1779. Sobre a porta de entrada hai unha estatua barroca de San Xoan Bautista, o seu patrón. No interior conta con varias pezas salientables, coma o retablo maior, que representa a Resurrección, e a cruz parroquial, de prata repuxada e estilo renacentista.