O comezo do PR-G 213 atópase en Castro Caldelas, vila de ampla historia coroada polo seu castelo medieval: construído probablemente sobre outro mais antigo na segunda metade do século XIV, dominaba tanto o val do Sil (pola súa cara norte) coma as Serras do Burgo e de Queixa (cara sur).
Os irmandiños destruíron parcialmente a fortaleza no que foi a gran revolta social del século XV contra o poder da nobreza. Con todo o Conde de Lemos, ao que pertencía, castigou duramente ao pobo, e fíxolle reconstruíla coa coñecida frase: "Vós tiráchedela, e vós levantarédela".
No século XIX o castelo foi incendiado polos franceses durante a Guerra da Independencia, como represalia polos ataques da guerrilla caldelá. Así perdéronse todos os arquivos que gardaba, e con eles gran parte da historia deste territorio.
A finais do século XX o castelo estaba en mans da Casa de Alba, que o cedeu ao Concello de Castro Caldelas. Na actualidade ten uso cultural, con biblioteca, sala de conferencias, sala de exposicións e un museo etnográfico.
A vila, situada arredor do castelo, ten fermosas casas con brasóns, mostra do seu antigo poderío, e galerías brancas típicas da comarca.
En canto á gastronomía, destacan os seus viños, pertencentes algúns deles á Denominación de Orixe Ribeira Sacra, e a súa bica mantecada, postre rei destas terras ourensás.
E non podemos esquecer as grandes festas. Os Fachós, na que se queiman enormes feixes de palla, celébrase a noite do 19 de xaneiro (previa á festividade de San Sebastián). É unha das festas máis antigas de Galicia, pois se sabe da súa celebración desde o século XVIII, e o seu orixe pode ter que ver coa intercesión do santo e o poder purificador do lume sobre as epidemias de peste que sufriu Castro Caldelas nese tempo.
A outra gran festa é a Romaría dos Remedios, na que destaca a figura do Irrio Peliqueiro. Este personaxe precede á procesión do 8 de setembro, e na súa antiga orixe parece representar ao señor do castelo en actitude de recadar impostos.