O comezo do PR-G 213 atópase en Castro Caldelas, vila de ampla historia coroada polo seu castelo medieval: construído probablemente sobre outro mais antigo na segunda metade do século XIV, dominaba tanto o val do Sil (pola súa cara norte) coma as Serras do Burgo e de Queixa (cara sur).
Os irmandiños destruíron parcialmente a fortaleza no que foi a gran revolta social del século XV contra o poder da nobreza. Con todo o Conde de Lemos, ao que pertencía, castigou duramente ao pobo, e fíxolle reconstruíla coa coñecida frase: "Vós tiráchedela, e vós levantarédela".
No século XIX o castelo foi incendiado polos franceses durante a Guerra da Independencia, como represalia polos ataques da guerrilla caldelá. Así perdéronse todos os arquivos que gardaba, e con eles gran parte da historia deste territorio.
A finais do século XX o castelo estaba en mans da Casa de Alba, que o cedeu ao Concello de Castro Caldelas. Na actualidade ten uso cultural, con biblioteca, sala de conferencias, sala de exposicións e un museo etnográfico.
A vila, situada arredor do castelo, ten fermosas casas con brasóns, mostra do seu antigo poderío, e galerías brancas típicas da comarca.
En canto á gastronomía, destacan os seus viños, pertencentes algúns deles á Denominación de Orixe Ribeira Sacra, e a súa bica mantecada, postre rei destas terras ourensás.
E non podemos esquecer as grandes festas. Os Fachós, na que se queiman enormes feixes de palla, celébrase a noite do 19 de xaneiro (previa á festividade de San Sebastián). É unha das festas máis antigas de Galicia, pois se sabe da súa celebración desde o século XVIII, e o seu orixe pode ter que ver coa intercesión do santo e o poder purificador do lume sobre as epidemias de peste que sufriu Castro Caldelas nese tempo.
A outra gran festa é a Romaría dos Remedios, na que destaca a figura do Irrio Peliqueiro. Este personaxe precede á procesión do 8 de setembro, e na súa antiga orixe parece representar ao señor do castelo en actitude de recadar impostos.
Igrexa de San Xoan de Camba
Igrexa de San Xoan de Camba:
Trátase dun vello lugar de culto, pois tense constancia da súa existencia desde o ano 963, no que foi doado á diocese de Astorga polo bispo de Ourense Diego I. Foi abadía e Real Mosteiro dúplice (para homes e mulleres) ata finais do século XIII, cando comezou a súa decadencia.
Hoxe en día só queda en pe a igrexa, con moitas remodelacións sobre a orixinal, pero ao sur desta hai restos dos antigos edificios monásticos. Testemuñas deste longo pasado son uns sartegos, achados nunha sancristía subterránea baixo o gran edificio da reitoral, que datan da Alta Idade Media. No seu interior atopáronse moedas do emperador romano Constantiño o Grande, do século IV da nosa era.
Da igrexa deste antigo mosteiro (séculos X e XI) conservase unha xanela xeminada (con dous pequenos arcos en ferradura), e dous interesantísimos releves. Un deles representa a Epifanía, coa Virxe sentada na cátedra e o neno Xesús no colo; diante deles, os tres Reis Magos ofrécenlles os seus agasallos. O outro provoca certa controversia, pois non parece claro se mostra a Flaxelación ou a Resurrección. As tres pezas atópanse depositadas no Museo Arqueolóxico de Ourense.
A igrexa actual, xa en desuso, data da Idade Moderna (séculos XVI - XVIII). Dunha nave e capela maior cuadrangular, é de estilo barroco e boa canteiría. Encostada á fachada, na faciana norte, érguese unha poderosa torre de dous corpos construída en 1779. Sobre a porta de entrada hai unha estatua barroca de San Xoan Bautista, o seu patrón. No interior conta con varias pezas salientables, coma o retablo maior, que representa a Resurrección, e a cruz parroquial, de prata repuxada e estilo renacentista.
FONTE DE PIÑEIRA · POZO DOS CABALOS
Fonte de Piñeira:
Galicia é unha das rexións europeas con maior riqueza en augas minerais e, en consecuencia, con maior tradición no seu uso. Hai evidencias da súa utilización xa dende tempos moi antigos, mesmo anteriores á romanización. O gran auxe chegou nos séculos XIX e XX debido aos cambios culturais deses tempos e á falla de medicinas efectivas para moitas doencias.
En Piñeira, aldea actualmente abandonada da parroquia de O Burgo, atópase o manancial mineiro-medicinal do mesmo nome, e que alerta da súa presencia polo forte cheiro das súas augas sulfuradas. No século XX chegou a ter certa fama, e cóntase que familias acomodadas da cidade de Ourense pasaban temporadas en Castro Caldelas para tomar as súas augas.
Tradicionalmente, a Fonte de Piñeira empregouse sobre todo para tratar aspectos do aparato dixestivo, aínda que tamén son indicadas para procesos reumáticos e enfermidades da pel.
Propiedades da Fonte de Piñeira:
Temperatura punto de surxencia: 12 ºC (augas frías).
Caudal: 0,01 l/s.
pH: augas alcalinas.
Facies hidroquímica: BNa, sulfuradas.
Ano de declaración de utilidad pública: 1892.
Tipo de declaración: augas mineiro-medicinais.
POZO DOS CABALOS:
Cerca da Fonte de Piñeira atópase o Pozo dos Cabalos, situado nunha fermosa contorna natural. Aquí, unha antiga represa retén a auga do río, formando unha piscina á que en tempos ían bañarse os veciños dos arredores.
Capela de San Amaro
Capela de San Amaro:
Nesta pequena e modesta ermida celebrábase a festa de San Amaro (ou Sanamaro, equivalente a San Mauro abade) cada 15 de xaneiro. Este santo ten fama de curar e evitar o reuma, e por elo pedíaselle na misa e que precedía á romaría. Despois, polo serán, probábanse os chourizos novos elaborados na matanza anterior, e se bailaba e se cantaba ata o anoitecer.
No regreso á casa, os veciños entonaban cancións coma a seguinte:
Si vas a San Sanamaro,déixalle dito ó gaiteiroque veña tocar á Castroo día vinte de xaneiro.
Con elo facíase alusión a unha das maiores festas de Castro Caldelas, a de San Sebastián ou Festa dos Fachós, que comeza a noite do 19 de xaneiro coa queima de grandes feixes de palla: os espectaculares fachós.
PAZO DO COUTO
PAZO DO COUTO:
Reformado no ano 1825, a súa construción remontase sen embargo a mais de dous séculos antes. Foi a casa do Señor do Couto de San Paio, abade do Mosteiro de San Paio de Abeleda a finais do século XVI, e estivo asociado á súa familia. De feito, varios dos seus membros atópanse enterrados nunha capela da igrexa de San Paio.
O pazo é de planta rectangular e dous plantas, mais unha torre que ten tres. Encostada a ela hai unha capela, que foi erixida no século XVIII e conserva un retablo de estilo barroco. A planta baixa, hoxe bodega, foi cárcere. Na fachada destacan varios escudos, que son os dos cenobios que San Paio de Abeleda tiña como anexos: San Martín de Celeiros e San Andrés de Fontela en Chandrexa de Queixa, Santa María de Pedraza en Chantada e Santa María de Torbeo en Quiroga.
Situado no lugar de O Couto, parroquia de San Paio, actualmente é unha vivenda privada.
MOSTEIRO DE SAN PAIO DE ABELEDA
MOSTEIRO DE SAN PAIO DE ABELEDA:
De orixe antigo e incerto (algúns autores datan a súa fundación no século X, namentres que outros a retrasan ata o XII), o Mosteiro de San Paio de Abeleda é un interesante conxunto románico da Ribeira Sacra que se atopa nun comprometido estado de conservación.
A fundación do mosteiro foi probablemente familiar, e incluso dúplice (de homes e mulleres). Mantívose independente das grandes ordes monásticas dos arredores, ata que os Condes de Lemos fixéronse os seus donos no século XVI. Deste xeito, co tempo o mosteiro foise tornando nunha abadía subxugada ao poder da nobreza, e o abade era como un pequeno bispo que ostentaba o título de "Señor do couto de San Paio". O couto eran as terras que rodeaban á abadía, que era a súa dona e aforaballas ós campesiños a cambio dunha boa parte da produción que eles obtiñan do seu traballo. Nel atopábase a casa grande na que vivía a familia do abade: o Pazo do Couto.
O PR-G 213 percorre boa parte do couto de San Paio, que ocupaba as fértiles terras do val que rodea ao mosteiro (onde se dan con facilidade árbores froiteiras, viñedos e prados), así coma o propio pazo.
No século XIX, trala Desamortización de Mendizábal, os Duques de Alba apropiáronse de todos os seus bens: abandonáronse as dependencias monacais, e a abadía quedou convertida nunha simple parroquia. Finalmente, a despoboación propiciou o peche ao culto da igrexa en 1972.
A igrexa, dunha sola nave, atópase en mellor estado que o mosteiro. Presenta unha mestura de estilos debido ás reformas sufridas ó longo do tempo, nos que destaca o románico da portada. Dentro, os seus tres corpos atópanse separados por arcos de medio punto con decoración de taqueado xaqués ou axedrezado, propio do románico, e columnas con capiteis adornados con motivos policromados vexetais e quimeras.
Do antigo mosteiro só se conservan os muros das súas dependencias, e unha porta do século XIV e estilo gótico fronte á fachada da igrexa. Nesta porta, obra notable, atópanse as figuras de San Pedro e San Pablo cos seus respectivos símbolos (a chave e a espada), e sobre eles un arco oxival apuntado e decorado con motivos vexetais. No tímpano alzase la imaxe de Cristo coas mans alzadas.
Igrexa de Santa Tecla
Igrexa de Santa Tecla:
No lugar de Ruxil, parroquia de Santa Tegra de Abeleda, álzase a igrexa do mesmo nome. De orixe románico, a súa construción inicial pode remontarse ao século XII, aínda que sufriu moitas reformas posteriores. Pertenceu á xurisdición do Mosteiro de San Paio de Abeleda.
Na súa portada destaca a arquivolta, formada por varios arcos de medio punto, e as dovelas, cunha lixeira moldura no arco interior e decoradas as exteriores con fermosos (aínda que xa desgastados) motivos florais.
No seu interior conservase unha fermosa pila bautismal románica policromada. Tamén salienta o retablo maior, de madeira e estilo barroco, que data do século XVIII. Ademais, posúe unha cruz procesional do século XVII.
No próximo lugar de O Sabugueiro, tamén pertencente á parroquia de Santa Tegra de Abeleda, levantábase a Capela da Virxe da Luz, hoxe xa desaparecida. Antes do seu derrube, os veciños trasladaron á igrexa de Santa Tegra o seu retablo de madeira policromada. Tamén se custodia aquí a imaxe articulada da Virxe da Luz, en cuxa honra se celebra o primeiro domingo despois do 5 de agosto unha fermosa romaría: a Festa da Luz.
A Festa da Luz é unha procesión chea de colorido, na que se saca á virxe mentres oito danzantes, seguidos dunha parella de xigantes (Coco e Coca), bailan unha danza tradicional ao son das gaitas. Trátase dun festexo de orixe ancestral, ao que acudían incluso veciños doutras partes da Ribeira Sacra, e que prohibiuse na posguerra por ter "alegría excesiva" para unha celebración relixiosa. Os traxes dos danzantes foron queimados, e As Cocas mandáronse destruír. Nos anos 80 o pobo recuperou a festa e, seguindo a lembranza dos maiores e antigas fotografías, volvéronse elaborar os traxes e xigantes para novas celebracións.
Mostra do agarimo dos veciños de Santa Tecla pola súa festa mais representativa é o moderno cruceiro de Ruxil, erguido en conmemoración da antiga capela da Virxe da Luz, e que está decorado con azulexos nos que se representan as Cocas, os danzantes e a propia virxe á saída da igrexa de Santa Tegra en procesión.
Reitoral de Poboeiros
Reitoral de Poboeiros:
É unha gran construción de 400 m cadrados, cuxa planta en L remátase cun patio amurallado. Ao longo do tempo foi ocupada polo cura destinado á parroquia de Poboeiros, ata o seu abandono a mediados do século XX. A pesar do seu estado ruinoso actual, a primeira vista pode apreciarse a magnitude da súa construción, símbolo do antigo poderío da igrexa no rural galego, sobre a que destaca unha gran cheminea trapezoidal.
Está situada xunto á igrexa de San Xoan de Poboeiros, sinxelo templo do século XVIII con portada de medio punto e campanario con cornixas. Na súa fachada pode lerse a inscrición "ESTA ES IGLESIA DE REFUGIO SAGRADO", polo cal determinados fuxidos da xustiza podían acollerse a sagrado nela para evitar o seu apresamento. O refuxio sagrado foi un privilexio instaurado polo papa Bonifacio V a principios do século VII, pero a gran cantidade de templos repartidos por toda a xeografía na Idade Media propiciou que criminais e desaprensivos abusasen del. Por elo, os monarcas tiveron especial empeño en recortalo ao longo dos séculos, para ser definitivamente derrogado coa Constitución de 1978.
Souto de Poboeiros
Souto de Poboeiros:
O souto é un cultivo tradicional de castiñeiros para a obtención do seu froito e de madeira. Na comarca de Castro Caldelas, o de Poboeiros era famoso pola calidade de ambas. Con todo, a pesar de que o seu aproveitamento foi clave na vida económica destas aldeas, tras varias décadas sen utilización nin coidados a súa estrutura estase a perder, así coma a produción das súas excelentes castañas, que xa no se recollen.
Aquí aínda podemos atopar grandiosos exemplares de castiñeiros centenarios. Pasear entre eles devólvenos por un intre ao pasado, no que a recollida (chamada castañeira) tiña lugar durante todo o mes de outubro. As castañas collíanse (apañábanse) do chan, xa caídas da árbore, pero para iso era necesario ter o souto ben limpo. Hoxe en día, árbores novas e diferentes especies vexetais (sobre todo carballos) crecen entre os impoñentes castiñeiros que noutro tempo foron tan coidados.
Despois de recoller as castañas secábanse no sequeiro, construción de dúas plantas que se levantaba nos arredores do souto. As castañas entendíanse no piso superior (coñecido como canizo), e no inferior prendíase un lume cuxo fume producía a seca. Tratábase dun proceso moi laborioso que duraba uns quince días.
Por último, as castañas xa secas pisábanse a golpes, dentro dun saco, para quitarlles a casca. Este proceso aínda se recrea en festas tradicionais dalgunhas aldeas.
As castañas así tratadas, xa secas e limpas, podíanse gardar por moito tempo para o consumo humano e do gando. Antigamente, ademais, servían para o pago de impostos.