Sabemos que estas terras están habitadas dende hai 4.500 anos. As primeiras testemuñas de poboadores nestas terras datan da época megalítica, e así o constatan algunhas da necrópoles existentes desta etapa, a máis importante delas é a coñecida coma “As Mamoiñas” situada na Serra de Mazaira e catalogada por F. López Cuevillas no ano 1926.

Da Idade de Bronce pódense atopar na “Veiga de Sas” pódese atopar unha rocha con petróglifos en forma de cova. Máis preto no tempo, na Idade de Ferro, desenvolvese a cultura castrexa. Castro Caldelas non está alleo a este feito e así podemos atopar no noso territorio restos de distintos poboados desta época: o Castro de Paradela, o Castriño da Cerca (Serra de Mazaira), o Outeiro da Torre e, posiblemente, o propio barrio do Cima da Vila.

Estes poboados foron romanizados entre o ano 137 a.c. e o 19 a.c., sendo moi numerosa a presenza romana a partir destes anos, xa que por este concello pasa a XVIII vía do itinerario de Antonino, tamén coñecida coma Vía Nova, que une Braga e Astorga. Parece que na aldea do Burgo estaría a Mansio Praesidium, lugar de hospedaxe para os viaxeiros.

A comezos do Século V os pobos xermánicos fixéronse co poder en Galicia: primeiro os Suevos e a finais do Século VI os Visigodos. Foi nesta época cando se produciu a cristianización e a proliferación de Mosteiros da Ribeira Sacra.

En Castro Caldelas construíronse dous mosteiros: o de San Xoán de Camba, do que xa hai noticias de 963, e San Paio de Abeleda,que ainda que puido ser fundado no Século X, é en 1127 o primeiro dato que temos del.

A Idade Media vai xirar en torno a estes dous mosteiros e, como non, ao casteloda Vila. Vai ser un período de grandes miserias e importantes revoltas do pobo contra a nobreza. Aínda así a todo é, posiblemente, esta a época de maior importancia na historia destas terras. No ano 1228 o Rei Afonso IX outórgalle privilexios as xentes desta vila no coñecido coma Foro do Bonoburgo de Caldelas. Este texto ten unha dobre importancia: por unha banda reflicte o poder que tiña a vila, que deste xeito non tiña que depender de ningún señor feudal; por outra banda é o máis antigo documento escrito en galego que se coñece.

Na Idade Moderna é sinalable o preito que enfrontou aos veciños da xurisdicción de Caldelas cos Condes de Lemos, os seus señores, e que se dilatou dende 1523 ata 1545. O preito estivo motivado polas constantes cargas, tributos e impostos que os Condes de Lemos impuxeron ao pobo de Caldelas para financiar as construcións que estaban a facer na vila. Aínda que a sentencia de 1534 ara favorable aos veciños na maioría das súas pretensións, os Condes servíronse de argucias para dilatar o cumprimento da orde.

Na Idade Contemporánea, a comarca vai estar sometida ao poder dos franceses (de 1808 a 1814) sendo estes os culpables dun grande incendio sufrido no castelo de Castro Caldelas, que da imaxe a o noso escudo. Este feito foi unha represalia a un ataque organizado polos veciños no 1809 a un rexemento Francés destacado na vila e no que lle ocasionaron moitas baixa. Como dixemos o Xeneral Louisson incendiou a vila, queimando con ela tódolos arquivos, moi importantes para entender a historia desta comarca.

Neste Século sucederon sucederon tamén as Guerras Carlistas, aínda que a influencia destas na nosa historia foi moito menor. Esta foi a época da desamortización, aínda que a diferenza de outros territorios do Estado, en Galicia practimente non tivo influencia, so supuxo un cambio de titularidade nas rendas, seguindo co sistema foral.

guia ribeira sacra