CASTRO CALDELAS, UNHA DAS VILAS MÁIS BONITAS DE ESPAÑA.

Los Pueblos más Bonitos de España é unha asociación española creada no ano 2011 para promocionar, difundir, fomentar e preservar o patrimonio cultural, natural e rural en áreas xeográficas con menor nivel de industrialización e poboación.

No ano 2017 xurdiu a iniciativa de que a vila de Castro Caldelas puidese incluírse dentro desta Asociación, xa que cumpría cos principais requisitos para a admisión, entre os que estaban ter unha poboación menor de 15.000 habitantes e ter un patrimonio arquitectónico ou natural certificado. O Casco Histórico da vila xunto coa fortaleza que a preside foron declarados Ben de Interese Cultural (BIC) no ano1998.

A partires deste momento comezou un arduo traballo para superar con éxito a auditoría da comisión de calidade e así obter o selo que autentifica a Castro Caldelas como Uno de los Pueblos más Bonitos de España.

O pasado día 15 de xuño tivo lugar o Acto de Proclamación de Castro Caldelas como Uno de los Pueblos más Bonitos de España, ao que acudiron centos de veciños e diversas autoridades, tanto a nivel autonómico, provincial como local, que mostraron o seu apoio a esta vila e expresaron o orgullo de que dous pobos galegos obtivesen esta distinción.

Castro Caldelas entrou a formar parte desta Asociación no ano 2018 xunto con outros 11 pobos entre os que está Mondoñedo, sendo a única representación galega na Asociación formada por 68 pobos.

Este evento foi conducido pola presentadora caldelá, Lucia Rodríguez, e contou coas actuacións da Banda de Gaitas os Trabazos, o Tenor Bernardino Atienza e como colofón final a actuación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.

Podemos dicir que dende a inclusión de Castro Caldelas na Guía da Asociación os datos estatísticos reflicten un aumento do 20 % no turismo local.

By |2018-12-02T00:27:24+00:00October 16th, 2018|Novas|0 Comments